O CULTO OCULTO (Nivola compostelana por entregas)

Na biblioteca tentaba de achar informacións sobre a época, no medio dos legaxos a medio clasificar aínda do Arquivo Histórico Universitario de Santiago, pero a busca ía para eternizarse, faríase un experto nos trinta do século XIX, había datos e datos , palla e palla para Precedo, que barullaban máis se cabe o asunto: actas de gremios, relacións de taxas, avisos do correxidor do Concello, actividades eclesiásticas, etc e sempre o mesmo consello por parte da bibliotecaria o que buscaba , o que quería ou inquería seguramente estaría noutro lugar, había máis arquivos en Santiago: o Diocesano ou de San Paio de Antealtares: a clave estaba en preguntar a algún cura vello do Semenario Maior ou a outro deses sacerdotes ratas de biblioteca que estaba por Vista Alegre, pero non era para Precedo , anticlerical visceral, o modo de obter a información, do inimigo nin auga.
Soubo do domicilio de o-da-mesa-camilla e comezou a deixarse a caír pola rúa do Bispo Xelmirez de cando en vez dun xeito que non parecese sospeitoso, Ramón Piñeiro era un antigo compañeiro de Castelao e moi coñecido, dos poucos daquela época que permaneceu antifranquista, querido, venerado e visitado dende hai tempo polos loitadores e intelectuáis galeguistas, cómpría un pedigree de probada galeguidade para chegar ao seu carón do que carecía Precedo, só se lle ocorreu poñer nun anaquiño de papel:
Que monxa morreu asasinada na Quintana dos Mortos o doce de maio de 1833?
Esperar que por alí cerca alguén pasase coa cara típica, entre desconfiada e sospeitosa de ir visitar ó da-mesa-camilla . Tras tres días de infructuosas esperas intervaladas, a vixianza deu froitos ó final: viu pasar alguén coñecido, un dos popes da súa Facultade , co que falara a miudo, algunha vez que outra, noutros tempos . Tíñanse certo aprecio, acercouse a espacio con caución, o seu aspecto de progre no tiña dúbida se o sorprendese, dixolle:
- Carlos, Carlos, son O Precedo lembras.
-Home Precedo, que fas por aquí?, dixo algo contrariado sen amosalo.
-Nada en concreto, busco a alguén coñecido que vaia falar co Piñeiro.
-Por que? Qué Piñeiro?
-Ramón Piñeiro, o que vive aí arriba, para darlle esta notiña.
-Éche ben doado, sube e se tes medo que te vexan , métea por baixo da porta.
- O importante non está en darlle a nota senón a súa resposta.
-Que é? algo comprometido politicamente?
-Non é nada de política e unha pregunta do eido cultural.
- Trae para acó, que retorto es. Vou velo, teño cita con el en dous minutos, estaréi arriba un tempo. Vémonos entre as oito- oito e media na barra do Bar Suso. O Galo está demasiado preto.
O tempo non daba pasado para Precedo nesas escasas tres horas que tiñan que trascorrer, meditaba tamén sobre o que estaba a ocorrer e descubrir de Santiago: naqueles tempos a pouco que se escarvase na formación académica dos varóns saía unha porcentaxe alta de xente formada e conformada nos semenarios.
Santiago levaba anos semeado ou sementado de ex-seminarista, mesmo ex-curas ou case-curas que penduraran a sotana e abandonaran a carreira eclesiástica pola escalada dentro dos distintos ámbitos da administración, do académico, dos medios de comunicación: periodistas, xuíces, profesores, as máis das veces polo seu dominio da sintaxe, da formación latinista, urbaninade e oratoria. Erixíanse como apóstolos da ortodoxia sintáctica, da refundación lebrixiana das linguas: formaban entre si unha especie de santa confraría de recordos e intereses comúns, unha especie de masonería exotérica e crente que Precedo estaba a estudiar e espartizar, sen chegar a coordinación sistemática de O PUS: máis metodizados e organizados na disciplina tipo militar de Escrivá con tácticas e estratexias bélicas, civís , seglares e seculares.
O lobby dos ex-seminaristas era menos ordenado e compactado estaba dividido segundo a procedencia dos distintos semenarios, das diferentes diocese galaicas. Máis compactados e claros nos seus plantexamentos, a pesar das súas pelusillas e emulacións entre eles, entre os que procedían dos mesmos semenarios maiores: unha longa convivencia nuns recintos pechados e tapiados ó mundo (o demo e a carne non hai cancelas que os deteñan) e a realización de case unha carreira, aínda que fora eclesiástica. Esa estancia durante anos en formación segrar marcaba , deixaba unha impronta que percibíase na cadencia e entonación ó falar, o olor típico a palla seca ou xabrón das maos sen olor, unhas maos para dar o pego coas unllas coidadas as palmas frías e lisas sen as calosidades típicas dun traballador manual, así como unha difilcultade manifesta para combinar as cores no vestir, o modelo típico de gafas con parte superior de concha e a parte da meixela de metal, de cristais verde claro, ante un observador observante eran como persoas troquelados por un mesmo patrón ante a vida, aínda que fose un santo patrón.
Era tamén coñecida e evidente a súa cariñosa maneira de dirixirse ás mulleres, co susurro seductor do confesonario que lle facía arrincar ata os datos máis personais e íntimos a calquera que se lle puxese a tiro, ós que lle valía unha vez entrados en política, para proselitizar e catequizar con mellor aproveitamento aos neófitos da militancia.
No trascurso do tempo, afoutos e afeitos á vida seglar perdían a pátina de semenario e camuflábanse, solapábanse mellor entre a xente, eran tempos de mudanza social xa non estaba de moda a antiga pertenza a formación eclesiástica.
E os propios cregos que tiñan a osadía de mostrarse tal como son , manipulando a traverso da oscuridade e sixilo do confesonario, introducindo impunemente consignas reacionarias e interesadas nos seus confidentes confesantes.
Precedo había anos que emprendera en solitario a súa cruzada contra o mal, o que el chamaba o mal, o poder de MITRA incrustado de novo na verdadeira igrexa. O poder de MITRA durminte espertouse polos militares rebeldes e relixiosos no 18 de xullo de 1936, durante unha guerra incivil que ensanguentou a Pel-do-touro para renacer entre os luceiros o que iles consideraban un mundo novo. O espíritu de MITRA traizoado segundo eles, é redivivo polo feixe escollido de sacerdotes castrenses, mariscos galaicos no culto ó Deus da Luz, dador da choiva criadora e da raiola.
Os outros cultos mistéricos estaban en decadencia.
O culto báquico, dos círculos dionisiacos é cada vez menos órfico e perpetúase por unhas prácticas e ritos non por menos incruentos deixaron de ser máis fervorosos, sen incienso nin preces, redúcense a apurar ata as feces os viños e os himnos do etilismo, as melopeas, adoitan ser máis desvergonzados que piadosos nas capelas e conventículos tabernarios.
Isis, deusa egipciana do amor, foi desprazada polos bos costumes de Extramuros ó Pombal, ou a calquera dos húmidos barrios orientais no resto do país. O mitraísmo non se resistiu a ser residual tralo sacrificio cruento do touro, non tolerou de novo ser desprazado polo deus asirio Sol, Helios grego, non podía nin se debía confundir e fundir co cristianismo constantinista, non podía permitir volver ás criptas, ó esotérico tiña que saír de novo á Luz.
Precedo sospeitaba dun tempo a esta parte que estaba en marcha a resurrección aproveitando a forza xerminadora do sangue da Pel-do-touro, había ruídos e fragor de sables e sotanas, a facción mitraísta dos eclesiásticos apoiados polos castrenses adictos, os intentos de impor o culto a Cibeles a través dos rosarios familiares de serán e o culto Mariano era outro signo de que a correlación de forzas estaba a cambiar, sabía que ese Movemento estaba en marcha , el viña ser unha especie de xuramentado secreto, do que case tódolos seus amigos crían que era unha paranoia máis das que lle tiña acostumados a narrar. El permanecía fiel as súas sospeitas e conviccións , críanse no deber de impedir que o esoterismo mitraísta saíra a luz.
Como parte da súa campaña persoal fora borrarse, quitarse a marca indeleble dun bautismo recibido involuntariamente , como case todo neófito cristiano europeo, ó pouco de nacer; a única forma que había era a apostasía, rexistrarse coma apóstata no libro ao efecto no despacho do Deán no Pazo Episcopal, pero fora botado de alí sen obte-lo preciado documento. Antón cando llo narraba non daba sabido o que o mosqueara máis o non poder facerse coa copia da acta da apostasía ou maneira paternalista como llo denegara o Sr Deán:
-Pero, mozo, es novo de máis para querer eso que me solicitas. Pódeste arrepentir. Pensa, meu fillo, que en poucos anos sentirás a chamada do amor, quererás casarte en calquera dos nosos templos.e non poderás por esto, que ti , meu querido, tan a lixeira solicitas, talvez maleado por algún adulto covarde, que che está a manipular para que ti pidas o que el non se atreve demandar, pensa mal e atinarás, di o dito. Marcha, filliño, e volve cando sexas máis barbado, e menos lampión.
O tempo de espera rendía demasiado , a situación de Antón tíñao preocupado, non era as antigas rarezas xa que sempre amosara unha conducta valente ou temeraria , depende quen a calificase , pero agora amosaba acovardado, zumeco demais para a súa capacidade de extroversión . Veulle á memoria unha pequena aventura que protagonizaran hai cinco meses cando selaran a súa amistade, era aquella indiferencia que lle permitía mirar as esceas da vida cotidián con indolencia e frialdade , o que lles fixo tomar partido, non polas convicións ideolóxicas ou políticas que ó primeiro se crían capaces de adquirilas doadamente senón pola amistade que se comezou a desenvolver entreámbolos dous. Antón convertérase en oínte do seu amigo cheo máis habilidade e experiencia, sempre atento a todo o que lle contaba, a todo o que vivira con intensidade durante os tres anos que levaba por Compostela.
Precedo, coruñés de nación, podería ser de Vigo ou de Vilagarcía, do Ferrol ou de Ourense éralle in vero simil, fillo dun funcionario a un tempo o tal funcionario fillo doutro funcionario que podía falar de varias xeneracións urbanas de funcionarios e cesantes, interinos ou en propiedade, se é que merecen recibir o calificativo de urbes, de cidades aquelas vilas grandes de moi recentes épocas pretéritas. As únicas cidades que coñecía Galiza na primeira metade abundante do século XX eran La Habana e Bos Aires. O pasado e presente urbanita engadido ao seu agumado temperamento contradictorio e crítico, que contrastaba co servilismo adocenado familiar, fixéralle romper coa tradición acádemica de prepara-las oposicións na Academia Galicia e entrar ou en Facenda ou noutro chollo da burocracia estática. Marchara para Santiago a facer unha carreira, éralle imposible entrar polo carreiro; Antón empatizou pronto con el a pesar de ser máis do monte que os torgos e que a penas podía impedir pararse un anaco e que se lle abrira a boca cando vía un ascensor ou unhas portas xiratorias.
Ramón Piñeiro:
http://www.filosofia.org/ave/001/a072.htm
http://bvg.udc.es/ficha_autor.jsp?id=RamPi%F1ei&alias=Ram%F3n+Pi%F1eiro
Mitra:
http://es.wikipedia.org/wiki/Mitra_(dios)
http://www.ilustrados.com/publicaciones/EpyVupEuFZAftmOcAq.php
Isis:
http://es.wikipedia.org/wiki/Isis
http://www.egiptomania.com/mitologia/panteon/isis.htm
Cibeles:
http://abcdioses.noneto.com/grecia/semid/cibeles.htm
http://es.wikipedia.org/wiki/Cibeles_(mitolog%C3%ADa)
Baco:
http://es.wikipedia.org/wiki/Baco
