Precedo coa súa maneira tranquila de desfroitar da vida, o seu aire bohemio case de pícaro incauto facíanno mestre ante un novicio como Antón, canso da dominación estrictamente académica e distante dos profesores, e canso de aprender de depredación machista cos seus compañeiros da vila. Era con Precedo a través das súas opinións e vivencias de militancia sen ardor militantista, clandestino a voces que se queimara e abandonara o que chamaban loita , en grande parte pola cerrazón de ideas tan pechadas e agochadas coma os propios lugares de reunión, a falla de discusión e claridade democrática, asi como as contínuas chamadas á orde e á disciplina en medio do caos, a paranoia cultivada en medio dun ocultismo histérico, ese agoiro escatolóxico da chegada do milenium ou o fin do anticristo-laico, o agora así considerado capitalismo, do xuízo universal ou da revolución proletaria, o fin da historia marxiana ou marciana, todo eso que se vernizaba de ideoloxía antisistema a pesar de ser parte do mesmo sistema de crenzas e o peor de todo:
- Antón , o peor de todo é que non había tías, había unha ou dúas sempre xa enrolladas cos popes, nunca souben quen entrou antes na loita eles ou elas.
O Portugués atendía con fruición, atendía extasiado mentras lle confesaba as malas comidas, as noites en vela sen durmir para facer unha tirada coa vietnamita.
- Non me digas que tíñades unha exiliada da guerra do Viet-nam na célula , preguntara inxenuamente.
Precedo non rira, sorrira, e explicáballe que a vietnamita era unha rudimentaria multicopista feita cunha tela enmarcada e tinta de tonner e unha esponxa, noeliños das maos e paciencia, e por extensión tamén se lle chamaban ás multicopistas eléctricas das imprentas, que eran máis aparatosas, ruidosas e ilegais, ilegais por dúas razóns: a súa orixe e o seu fin: ser sempre producto dun pau e polo que se imprimía con elas ; por eso a tirada crispaba non só polos anos de cadea que che podían caer e a manta que ías levar encima, agobiaba por se había moito silencio , agotábase a tinta do tonner ou o papel ou rompíase o cliché que había que picar de novo case a cegas , sen xeito e sen tinta. Aínda peor era se era o cliché que viña de Madrid, o cliché electrónico, o leria , os nervios , o abafante bochorno daquel destartalado faiado de Pelvís, sen baño nin ducha só un retrete fedorento polas veces que non había auga na cisterna ou se atascaba pola utilización de papel de xornal.
-Ao final estalaba a tormenta neurótica, mandabamos todo ó carallo, tirabamonos literalmente os cheles á cabeza:
-Coño, era que non tíñades suficiente espíritu revolucionario, dicía Telo con fervor de recén convertido.
-Que espíritu revolucionario nin que hostias, o que non había organización ni planificación como é debido, todo era improvisación e presas de última hora. Nunca había nin tempo nin cartos para unhas birras, e sempre o rollo da ultraclandestinidade do aparello, a súa preservación e resgardo estaba por riba de todo e de todos, era mellor morrer que deixar caer nas maos do inimigo etc. volvíamonos tolos.
-Lóxico , xogabádesos a vida, apostilaba Antón.
-Que xogarmonos a vida nin que collóns. Eramos uns pringaos. Non queiras ve-lo día que se nos ocorreu engadir un parágrafo de colleita propia, para reencher un anaco de folla que quedaba en branco, puxemos:
Abaixo a dictadura fascista. Poder Popular.
-Home, se era da vosa colleita a frase está ben, pero moita orixinalidade non perfunde.
-Xa para quen non estea na allada ben, pero para o meu antigo grupo non estaba ben. Era anatema, para a nosa orga só existía a dictadura franquista, en España non había fascismo xa, era unha dictadura do exército e da oligarquía franquista, das familias do réxime.
-Pero o de poder popular, é lusimo e ilusismo caraveliano, gustame, aló en Portugal berrase en tódalas manifestacións, todo o mundo pide que o poder que veña do pobo, sexa do pobo.
-No sexas pardillo, Poder Popular é unha consigna estalinista, maoísta, o noso grupo non só non era maoísta senón que era antimaoísta: a consigna poder popular é populista e centrista, o meu antigo grupo como herdeiro autodeclarado do partido bolchevique estabamos a favor do poder da dictadura do proletariado, todo o poder para os consellos obreiros e campesiños.
- Ben, pero me parece que non tiñades nin teñen a causa doada, polo pouco que sei non hai consellos obreiros nin campesiños nin aquí nin en Portugal.
-Tes razón, pero a raíz daquelo nos fixeron unha autocrítica por non aternos á disciplina do centralismo democrático. En fín que máis queres que che conte que todo se sabe.
Así trascurrían as conferencias peripatéticas sobre as venturas e desventuras do cabaleiro camiñante auto alcumado Antón Tovar ao seu escudeiro Antón Antunes, o Portugués, aprendiz de gremio universitario . Unha daquelas mañás acercáronse polo Pazo de Fonseca onde se ubicaba daquela a Facultade de Económicas, paseaban polo claustro pechado ó abrigo da chuvia para facer tempo para a hora dos viños na fervenza de suor humana enroupada de O Franco, cando observaron unha movida rara dun tipo que se agachaba de si mesmo baixo un chuvasqueiro verdoso dos astaleiros ferroláns . Paseaba sen xeito de abaixo a abaixo e de arriba a arriba, cando neses trancos de animal acosado caíronlle uns folletos que levaba apretados ó lombelo , suxeitos polo cinto e disimulados pola folgura do chuvasqueiro:
Precedo coñocíao era un tal Carlos, acercóuselle e díxolle:
-Hola Avoa, déixao todo no chao, non sexas tan retorto. Marcha axiña, espallámoschos nosoutros.
A Avoa recoñeceuno e acenou asentindo:
- Gracias, Prece, pírome.
Antón recolleu traquilamente as revistas mirou e olleou unha mentras esperaba que a Berenguela marcara a hora ao tempo que se ía oindo saír a xente de clases e enche-lo claustro e as escadas: abríu a resma en abano como lle ía ensinando en espello o seu compañeiro co resto na mao e ías tirando cara o alto e atrás , a un tempo que se confundía coa ríada de alumnos. A tranquilidade de non estar comprometidos con aqueles panfletos permitíalles andar con naturalidade sen levantar sospeita: para tira-las octavillas ou panfletos esixía o temple de abrílos na mao coma unha baralla de cartas e que se separaran no aire, para que foran lanzados á rapañota , e non caíran concentrados nun punto, o que lle permitiría ao corpo de limpeza represivo dos bedeis que se fixeran con todos eles nun tris. Se estaban ben estrados polos corredores e pasillos habería máis posiblidades de que algunha xente se atrevese a vence-lo medo e recoller algún xa por interese propio ou por curiosidade.
O bar de Suso estaba cheo de xente a esas horas , algúns tomaban café e outros seguía coas cuncas de Ribeiro, Precedo dende as oito íase acercando á barra con disimulo, aproveitaba o tumulto para estar un rato pegado a ela por se viña Carlos, a Avoa, coa resposta da encomeda a Ramón Piñeiro. Tardaba en chegar, non quería tomar nada. Saía un anaco para fóra a respirar e tentar facer pasar máis axiña o tempo, co absurdo ardel pero non conseguía que as agullas do seu reloxio corresen con máis apuro. Non daba pasado esa imprecisa media hora na que quedara. Sabía que a norma de seguridade esixía non estar nun sitio moito tempo ó quieto , polo mesmo sabía que Carlos non lle tomaría a mal o feito de pasear por fóra, chamaría menos a atención que se estivese barado un anaco na barra.
Ás oito e vintecinco apareceu Carlos nun momento en que estaba na manobra de finximento pegado á billa das canas de cervexa, fíxolle un sinal e saíron pasear cara ó Toural:
-Que coño poñía o papel?
- Nada. A data dunha morte. Que che dixo?
- Non sei, estivemos cos cumprimentos iniciais, como me retrasara un pouco deille a escusa de que me atopara contigo e que me deras o papeliño para el.
- Eh?, encolleu os ombreiros máis por pór présa e lle dixese algo que por amosar indiferencia.
- Pois que me fodiches a tertulia, colleu o papel, preguntou por tí , qué se te coñecía, por qué tiñas tanto interese, que era o máis interesante que lle ocorrera durante hai máis dun ano , e hala coma un foguete foise á biblioteca a remexer nos libros. Contrariado de cando vez volvia e revolvía para a mesa- camilla folleando nas follas, buscaba e buscaba, lía entre labios e ás dúas horas colleu a pluma e escribíu unha nota para tí.
-Carallo, non me digas, dáma.
- Pero en que rollo andas metido agora, xa non queres nada connosco e buscas temas que embelesan ao Piñeiro, nada máis e nada menos que ao Ramón Piñeiro.
- Pero dámo xa; falou algo de poderme recibir.
-Toma, dixenlle que non tiñas interese e falar con el, síntoo.
-De nada.
O Precedo quedou cortado pola putada que lle fixera a Avoa, pero contento demáis por ter unha nota na mao que se dispuxo a ler:
Preciado e descoñecido mozo:
Nesa data en concreto é famosa en poucos e restrinxidos círculos, a pesar dos vans intentos eclesiásticos de esquecemento. Nela morreu a chamada a Monxa de San Paio.
Versifican súa traxedia Valentín Lamas Carvajal e Pintos, na Gaita Gallega.
Interésase Figueira Valverde polo tema na súa publicación do 1948: El libro de Santiago.
De todos modos sería interesante escarabellar e mergullarse no Arquivo de San Paio de Antealtares
Seu
Precedo dispois de varios días ao pairo sen aire , á deriva volvía a topa-lo rumbo, tiña
ganas de encontrar a Antón, contarlle todo e animalo.
Guerra de Vietnam:
http://www.historiasiglo20.org/enlaces/vietnam.htm
25-Abril-portugues
http://www.elinconformistadigital.com/modules.php?op=modload&name=News&file=article&sid=513&mode=thread&order=0
http://www.uc.pt/cd25a/wikka.php?wakka=HomePage
Escribe un comentario