O CULTO OCULTO (Nivola Compostelana por entregas)

Os estudios e investigación de Precedo perdíanse nos inicios da pubertade, dunha adolescencia chea de ignorancias, carencias e curiosidades insatisfeitas por galbanería ou falla de información ou censura. Foi a raíz da perda do que os curas denominan vocación, a perda da vergonza ou da fe, non se sabe, non lle gustaba falar daqueles tempos de miseria cultural e persoal. Estudiante laico de instituto e non de colexio de curas ou frades, típico nas clases medias escaladoras, iso non foi óbice para que o sacerdote, profesor de relixión á sazón, fixera impor a súa valía e poderío , nunha época chamada por uns poucos dictadura, por outros democracia orgánica pero sexa como sexa non pode evita-lo epíteto de nacional-católica.
Precedo acudira voluntariamente co resto dos compañeiros á casa de retiro onde se realizaban os exercicios espirituais en Pontedeume: lugar pertencente á diócese de Mondoñedo-Ferrol, que o cura acostumaba a referirse coma Ximnasio de ánimas, onde o recollemento a meditación e as charlas debidas deberían servir para que algún atopase ou se encontrase coa vocación, coa advocación ou a chamada de Deus: un novo soldado que ingresaría no exército de Cristo, consagrándose ao estudio e ao servicio e á profesión dos apóstolos.
Precedo, teriamos que en realidade dicir Luis Lens, o de Precedo xurdiría ulteriormente na súa vida adolescente ou postadolescente como sabemos, non era rebelde máis ben era de tendencia obediente e servil como todo pícaro, acudíu ó retiro gregariamente, sen ningunha idea preconcebida, aberto a todo tipo de pensamento e sen prexuízos a non acudir á chamada se se terciaba.
Aqueles días servíronlle para fomentar camadería entre compañeiros de clase dos que a penas coñecía o seu nome e aumentou o seu grao de coñecemento e amistade, as súas fobias e filias, foi como espertar a un mundo novo formado ao redor da convivencia: madrugar, ir a misa, a falta de rotina das aulas, a eliminación de barreiras entre o profesor, sacerdote que abandonaba a tarima-púlpito e mandaba arremuiña-las mesas ao seu carón, para o desenvolvemento de habenzas de novos saberes:
- Está claro e meridiano, teriades que telo moi claro, que nun momento determinado, en calquer momento por intrascedente que sexa o que esteades a facer, importante, en casas, en clases, no parque, nas rúas, no cine- non ten porque ser nun templo, nunha igrexa, na casa de Deus poderedes oír, senti-la chamada, sentir que o Señor, como no Evanxelio de San Mateo di: "Calquera que deixase a casa, ou irmaos, ou irmás, ou pai, ou mai, ou fillos ou herdades e bens no meu nome, recibirá cento por un máis e posuirá a vida eterna".
Luís gardou para si o segredo de poder ser chamado no retrete non se atreveu preguntar a pesar das amables invitacións do cura a participacións activa na charla, no coloquio de pareceres.
- E ai daquel que desatenda a encomenda do Altísimo, nunca encontrará a felicidade neste Mundo.
- Pero padre, como sei que realmente é deus quen me chama, dicía un compañeiro de Luís, catequista dende había tempo e que estaba acaramelado cunha rapaciña do colexio da Compañía de María.
- Os camiños do Señor son infinitos e dan moitas voltas e reviravoltas, son inescrutables. Lope de Vega, viúvo e ancián sentiu a chamada do sacerdocio, coma no evanxelio, e ordeouse sacerdote, falaba o cura cun descoñecemento profundo da verdadeira biografía do dramaturgo.
-Entón, se sinto a vocación pódome casar e esperar a que a miña muller morra.
-Non é así exactamente, hai que acudir axiña e con gana á chamada, non pode estar condicionada por intereses mundanos.Intereses sempre baixos e plebeos que nos poidan apartar do maior gozo que calquera ser humano pode acceder: o ser discípulo dilecto de Cristo.
- Pero dixo o outro, senón sinto a vocación a chamada, quere dicir que me condearei.
- Non, Pablo, non, moitos son os chamados e poucos os escollidos.e importante que non vos menospreciedes por non ter sentido a chamada. Deus necesita que haxa camareiros, albaneis, choferes , soldados, doctores. Todos formamos o novo pobo escollido polo filllo de Deus: un pobo en que cada un ten a súa función correspondente, a súa tarefa, a súa situación.
-Entón Deus ten asignado a cada quen unha profesión, unha especie de vocación profesional que lle indicará o posto ou traballo que deberá desempeñar na sociedade.
- Si e non, non é tan sinxelo. A vocación relixiosa está claramente definida, chammarlle vocación á inclinación a certos odicios ou traballos e degrada-lo significado da verba en si. Metaforicamente pódese falar de vocacións para certas profesións nobres, nas que existe unha vontade de servicio e sacrificio ao próximo, non sempre ponderado e agredecido polos seus semellantes. Vocación é a de noso Caudillo coa súa vontade de sacrificio á Patria e a todos nós. Os xenerais que viven en eterna vixilia e desvelo en espera do inimigo. Algúns doctores que viven e desviven polos pacientes enfermos, e poucas , máis situacións coma os xuíces que deben ser iluminados polo Espírito Santo para imparti-la xustiza, só os sacerdotes teñen a verdadeira vocación e a santa sacrificada vida relixiosa dedicada ao rezo para a salvación do mundo.

- Logo entón na práctica non existe espirito vocacional en case que ninguén, dixo Luís, é unha sociedade abandoada da mao de Deus.
-Como se atreve Vostede a dicir iso, non malinterprete nin atrampalle o que estou a falar. Nomeo a sagrada advocación divina. Os xudeus eran moitos pero Iavhé só falou con Abraham: rogoulle que sacrificase ao seu propio fillo. É o símbolo humano da verdadeira lealtade, da verdadeira vocación a servir a Deus cunha fe firme e cega, sen dúbidas, sen esperar nada a cambio. Dar todo ata a propia vida, por amor ao próximo como fixo o Deus Pai co seu propio fillo, superando o que lle demadara a Abraham.
- Ben, tanto como non esperando nada a cambio, non é certo. Vostedes teñen a exclusiva dos ceos. Practicamente son como unha axencia de viaxes que expiden os billetes para vida eterna, seguía Precedo presionando.
-Mociño, creo percibir nas súas metaforas un certo baño de ironía e sarcasmo. O sacerdocio non é unha axencia de viaxes, a súa función é estrictamente pastoral, cuida-lo rabaño e evitar que ningunha ovella se desencamiñe. Se alguén que non pertence ou non foi coidado por nosoutros pretende entrar na Casa do Señor, nós non somos quen de impedirllo: a misericordia do Señor é inconmensurable.
- A voltas coa vocación , padre, vostede de onde é?
- Que estás a argallar Luís?, que ten que ver de onde son coa vocación sacerdotal?
- Algo ten que ver, demóstrollo cando queira.
- A ovella non é onde nace senón de onde pace. Eu son tan coruñés coma ti. De feito levo máis tempo vivindo na Coruña que os anos que ti tes .
- Está ben, preguntareillo doutro xeito cantos dos seu compañeiros do Semenario de San Martiño Pinario eran da Coruña capital?
- Poucos, se o queres entender, Compostela está lonxe da Coruña.
- Non será que as vocacións danse máis entre a xente de aldea , que entre a xente de cidade.
-Non sei de onde quita esa conclusión, a vocación como a gracia espállanse por todas partes con liberalidade diviña.
-Padre, deixese de contos, case tódolos curas que coñezo son de vilas ou de aldeas remotas do norte e centro da provincia da Coruña.
- Mira que acaba vostede de descubri-la pólvora mollada. Corresponde á provincia eclesiática que corresponde á sé arquiepiscopal de Santiago de Compostela.
- Veña, padre, que o que todo mundo di que todos vostedes son desertores do arado.E que a vocación ten moito de vacación, e o celibato permite non ter que someterse a unha soa muller, senón ser galano de todas.
Foi naquela conversa aparentemente espontánea cando agromou en Luis Lens o desexo de corroborar aquela hipótese , que a penas se sostiña con cinco ou sete sacerdotes coñecidos e nomeados no entorno familiar, o cal era de todo insuficiente tamaño mostral para sacar conclusións debidamente. A partir daquel momento trazou os planos do seu estudio sobre o clero: facer un estudio por idade e procedencia de todo canto cura, frade, padre, sor, monxa, relixiosa das distintas ordes relixiosas ou seculares para consegui-lo mapa de procedencias e influxos do clero. Era ben sabido que a extracción da xente máis eleuta de entre os labregos asi como o celibato, que en teoría descartaba a posibilidade de herdeiros, eran as claves para manter un emporio rico e abondante a traverso da historia.
Aínda era cedo para percatarse da existencia de cantidade e cantidade de persoas que se formaran nos semenarios . Moito menos nos semenarios maiores, aínda que a raíz dos acontecementos e movementos clericais de finais dos sesenta había cada vez máis e máis curas que penduraban hábitos e sotanas. O que comezara como un simple envite co cura dos exercicios espirituais foi medrando en cantidade o número de datos, así como ía xurdindo no seu interior unha sensación de inseguridade e remorso de estar facendo algo malo, cando recollía aqueles detalles. A esa sensación de risco foise engadindo pouco a pouco unha vaga impresión de que había xente, persoas coas que ía inocentemente falar, que daban a entender que xa eran coñecedores da súa estraña afeizón investigatoria, cando lles preguntaba como un reporteiro atribulado polos compañeiros do curso, non era raro que se lle adiantasen e lle dixesen:
-Precisamente, mozo, cun deles estiveches a falar a semana pasada.
- Con quen, non me acordo. Luís intentaba torpemente disimular.
-Con don Antonio, o de Telefónica, non comentaches hai un anaco que fuches á Telefónicao mércores pasado. Alí estiveches no despacho dun dos encargados, D. Antonio, estivemos xuntos no Semenario ata sétimo, despois el saíuse .
A veces era certo que sen querer se lle escapaba o dato durante a conversa preliminar. Pero sempre lle desconcertou a axilidade con que ian extraíndolle as referencias e facíanlle confesar as súas testadas e indagacións. Facía grandes esforzos para non caer na estupidez de confesar o obxecto da súa investigación. En realidade con dezaseis anos non se explicaba aínda moi ben o porqué da súa aficción: é unha época vital en que en vez de coleccionar cromos, a xente desa idade comeza a reunir obxectos relacionados con coches, coa música ou outras cousas máis propias da adolescencia. O feito de coleccionar as raíces clericais e as ramificacións semenariais de certos señores non deixaba de ser un proxecto estraño: un asunto do que adoitaba a falar cos compañeiros da súa pandilla. De feito acostumaba utilizar o tempo que lle quedaba libre de clases e non había reunión de fumada e ligue na praza e soportais de María Pita.
Naquelas reunións de amigotes non perdía ocasión para recoñecer a parte dos seus investigados segrares, así como algún que outro sacerdote extraviado, ou teríamos que dicir desencarreirado e lonxe do seu redil. De tódolos xeitos Precedo observaba que algunhas das veces o encontro con esta xente non era do todo casual, mesmo, notaban certos acenos de acercamento cara el a un tempo que o saúdaban. Nada pde cambiar mentras Galiza está a ser gobernada polo clero e a donde non chegue a súa influenza polos ex-seminaristas chegan os os sacerdotes laicos posmodernos da chamada Obra: este conxunto coordenado,consciente e organizado é MITRA.
Luís Lens observaba, pero cada vez críase tamén observado. O peor da situación é que carecía dun amigo ou compañeiro no que descargar as súas coitas e preocupacións. Desenvolveu un certo grao de misoxinia ou machismo que lle impedían unha relación estable e namoradiza con ningunha das mozas da pandilla. Xunto coas súas guedellas ie-iés e o potestantismo progre que ían traendo de Santiago, os maiores xa universitarios. Foi cando decidíu non seguir a tendencia familiar, que consistía en abandoar os estudios en sexto curso e reválida: título de bacherelato superior e apuntarse na Academia Galicia para unhas oposicións das moitas que había óao funcionariado.
Vestía e tiña aspecto de universitario , contestatario, cuestionou na casa o de ir para a Universidade. Non podían con el, pero non se pode dicir que lle desen ás. No seu desexo de ir á Universidade había unha especie de aventurerismo político levado polo desexo de loitar e militar, ou como se lle queira chamar, no antifranquismo.
Lope de Vega, biografía:
http://es.wikipedia.org/wiki/Lope_de_Vega
Sedes episcopales de Galiza+(Astorga)
http://www.igrexa.org/
http://www.diocesiscastillayleon.org/astorga/default2.htm
Ejercicios Espirituais:
http://www.jesuitas.es/EE2005.htm

