Telo tras duns días de zunentismo acedeu oír falar do tema: admitiu que Precedo introducise o asunto en medio da conversa sen lle reprobar, outro conto era a pretensión de formar sociedade mutua ou unha comunidade de bens con el, tal lle ofrecía que beneficios podía obter con embarcarse en tal aventura? A que riscos estará a submeterse? había algunha necesidade de pasar medo gratuíto ou arriscarse a pasar unha tempada á sombra por iso?.
Había unha cripta críptica, hermeticamente oculta ó gran público dende tempos inmemoriais, pero de sobra coñecida polos seus usuarios seculares Pagaba a pena descubrir a existencia de tal lugar? Ian atallar coa descuberta do templo a expansión de MITRA? A neo-MITRA consideraba esencial para a súa pervivencia ou supervivencia que permanecese en segredo a súa capela matriz do noroeste?.
Telo dáballe voltas e voltas ó proxecto espeleolóxico ou ilóxico, pero non podía menos que pensar nas súas consecuencias personais e xerais. Non era certo que, mesmo, o segredo desvelado e publicado sería aproveitado pola Igrexa, e por suposto pola MITRA para reforzar e medra-lo seu poder.
Aquela serán realizaron tódalas súas tarefas cotiáns sen que se presentise nada do que estaban a argallar durante días planearon e mercaron todo material que cumpría para unha estancia nos túneis, non superior a vintecatro horas.

Sempre os camiños coñecidos fanse máis doados e curtos: Precedo xa sabía como agocharse e tiña a seguridade e confianza necesarias pola experiencia, pouca pero suficiente para alonxa-los temores de poder ser sorprendido pola escasa vixilanza nocturna dos templos.

O confesonario foi curruncho de abondo para agarda-la noite.

Debaixo da ara traslada illo tempore dende a cripta catedralicia foi doado de máis abri-la trampela de novo, tal vez demasiado doado, susurroulle o Telo a Luís. Precedo facía avanza-lo neofito pola catacumba ou que fora que fose atento á súa boca aberta e ás expresións de asombro. Sen embargo pertrechado cunhas luces como era debido, producto dun bo sablazo- the last, but not the least- que lle deran a un bo amigo - Xulio, O Verme, o irmao de O Dylan- e o resto de paus de menor cuantía que deron a canto amigo e coñecido puideron atopar durante os días anteriores.
Telo instintivamente camiñaba para adiante, a esquerda, cara esquerda segundo desembarcaran polo portelo do altar. Andaba desnortado botando a luminaria contra as paredes e cara adiante: mantiña a boca aberta abraiado polo que estaba a contemplar.Era máis pola propia exitencia da caverna en si, que polos frescos.

A pesar de todo, Precedo, editor e debuxante de cómics frustrado, admirador de Hugo Pratt e o seu Corto Maltés, extraía notas e abondosos bocetos para non olvidar o máis mínimo detalle..

Os dous amigos e compañeiros de fatigas percorreron tódalas estancias e depedencias en moito menos tempo do que pensaban, a compañía diluía a espesa densidade de tempo que lle tocara sentir a Luis Lens na anterior expedición en solitario. A pesar de estar a vivir unha situación única e irrepetible, de cando en vez un tremor de déjà-vu percorrialle-lo sarnizo dende o sacro, salva sexa a parte- ó couquizo. Estaban intranquilos pola inseguridade de poder ser sorprendidos, así como insatisfeitos cos escasos datos que tiñan obtido. Alentaban unha común sensación de que aquel lugar era a antesala de algo máis.Propuxéronse dar un novo periplo peripatético na procura da inspiración filosófica, que lles propocionase as claves para desvela-las súas sospeitas.

Telo encaprichado con acceder ó convento de clausura a traverso da xaneliña da biblioteca. Estaba empeñado en encontrar un mecanismo trampa que lle permitise a entrada, sentía e presentía o morbo de penetrar na zona de Clausura dun convento pechado: traspasar, franquear o sancta sanctorum do prohibido . O tabú máis tabú. Espiar e guicha-las monxas que expían polo pecados espidas: tiñan pelo debaixo da toca ou ían rapadas?, Usaban de bragas e cinguidor de lencería de seda?, Usaban de ligueiro para soste-las medias como nos chistes do Lui o PlayBoy francés?, Por que ós franceses lles producían morbosidade erótica as monxas?

Teimado tentou por varias veces atopar co resorte entre o artesonado de madeira que lle permitise a sorte de transgredir física e moralmente o recanto do canto máis católico. Estando nese intento baleiro , escoitou ó Prece.

-Telo, baixa daí. Ven.

-Que queres?. Espera un pouco máis. Non berres polo que máis queras, susurrou.

-Baixa, axiña.

- Por Deus, estaba a piques de dar coa maneira de entrar, mentéu Telo.

-Está a tolear, se nos pillan no Convento, xa podemos darnos por mortos, desgraciado.

-Non será para tanto, é pena que non aparecese a abadesa en camisón ou lingerie fina a buscar un libro...

-Non sabía que tiveses tanta obsesión. Sempre podemos volver outro día, hoxe estamos ó que estamos. Aínda que penso que este pasadizo é de dirrección unívoca. Frente ó que pensei ó primeiro, a Santiaguísima Trinidade, non permite a libre comunicación entre os tres lugares sacros. Hai unha comunicación pero sempre hai que entrar desde fóra aos tuneis.

A entrada que nós usamos, en realidade, é unha saída, de emerxencia. As instruccións para abrir desde fóra deben ser producto dunha traición interesada.

-Carallo, nin que foses Sherlock Holmes e Dupin xuntos axudados polo Padre Brown. Xa me dirás, cando teñas vagar de onde sacaches esa conclusión.

- Pensa un pouco. Ben, déixame mellor que che explique as miñas teorías, despois pensas. Primeiro de nada por onde entramos é máis doado abrir para saír, aínda que ti non saibas, xa experimentarás cando marchemos. Segundo é por eso que ando un pouco máis tranquilo, e falo en alto: é posible que através da Biblioteca Abacial se poida acceder á Trinidade, pero non ó reves, como pasa en tódolas entradas ó cabos dos túneis. Non quita, se non me confundo, que o poder de convocatoria fose por medio dos ventanos ou por claves para comunicarse os iniciados entre eles desde o exterior por medio de consignas na misa e aí poder reunirse na sala do pozo.

- Non deixa de ser unha teoría plausible e posible. Se me apuras aínda che poido ofrecer argumentos de apoio: as campás poden convocar a través do aire, os sinos do vento dos bentos bieitos.

-Máis que certo. San Martiño Pinario era máis que poderosa. Era unha cidade na cidade. Una cidadela masculina e independiente no corazón de Compostela.

-Todo vai collendo xeito. O seu máis e o seu menos: pero teño a mesma sensación que despois de asistir a un gran banquete quedar con fame. É como se descubrisemos unha especie de interfono ou teléfono mediaval clandestino a voces, entre un convento feminino de Clausura e outro convento macho. Estamos ante unha supervivencia darwinista sobre un sistema de cortexo nupcial e perpetuación da especie.

- Está hoxe máis que darwinista, podíamos dicir saído e salaz, dixo Precedo, penso que o que move isto non é a líbido, dáme que pensar en algo máis trascendente, menos mundano. Algo numinoso, relixioso.

-Poida ser, pero ó misterio da monxiña que nos embarcou nisto, que dis? Foi máis que nada un problema de faldras ou de sotanas, de hábitos ou malos hábitos.

- Si, non o nego. Pero neste santo recinto respírase algo máis que orgón. Produce o arrepío e recollemento das grandes catedrais. A quietude e serenidade que exhalan os lugares sagrados helenos ou exipcios. Iso que describen os descubridores de tumbas . Hai algo, e penso, que xa din con ese algo.

- Teño que recoñecer amigo Luís, que hoxe estás en vena ou veta mineira. Sorpréndesme de sospeita en sospeita, de achádego en achádego. Solta xa , que me traes en albas.

- Para un pouco, e todo ó seu tempo. Antes de nada pensa que estamos nun lugar- estaban na nave central que presidía o fresco do do touro albo , os catro evanxelista, e pozo co seu bimbastro- quizáis, e sen quizais dedicado ó culto relixioso moito antes de que a propia catedral e que a propia basílica que a antecedeu.

-É posible carezo de coñecementos e argumentos para desdicirte.

-Trata de face-lo esforzo mental , sacramental, se queres, de espir de edificios o solo de Santiago por esta zona,-ponte na Rúa das Hortas se queres e mira cara á Praza de Cervantes- . Vai pouco a pouco e verás que sube-la ladeira dun monte. Onde estamos é mais alto que a Catedral. Pensa que se ben hai pedazos traballados con ferramentas, moito deste espacio é unha gruta natural, unha cova de ladeira, en que seguramente...

-Seguramente que?. Unha cova, un lugar seguramente habitado polo home desde o tempo inmemorial, como se di, desde o tempo dos mouros.

- Xo, para o carro. É unha cova cunha morea de sinais e efectos de culto. E mira por onde que cando exercías o oficio de caco libidinoso nas líndes da biblioteca, este menda dedicouse a mirar e remirar. Deume por asomar ó peitoril do pozo e guichar dentro. Mira por onde miuda sorpresa atopei: o pozo ten auga que corre a cachón a ras coma unha liña, véselle o fondo: a auga é limpa e cristalina. Pero corre por unha especie de ampla cloca en dirección ó pe da montaña cara ó Templo das Catro Sotas, ou algo así, e pégame a min na testa, que escorrese por debaixo da Catedral e do Obradoiro.

-Perdoa, peor por debaixo da Catedral, está a cripta da antiga basílica.

-Aí era onde quería chegar, e por iso quérote convidar a baixar xuntos polo pozo ata a cloaca e mirar a onde leva esa mina, se é que cabemos por ela.

-Non me veñas agora con que tes medo de ir ti só, dixo Telo.

-Quita de aí. Penso que a viaxe ó averno paga a pena . Debaixo da Catedral só pode estar o inferno.

Prepararon as cordas para baixar. Durante os días previos, nos preparativos da excursión, ou mellor dito, incursión en curso á Santiaguísima Trinidade O Telo non paraba de preguntarlle a Precedo para que raios quería a corda, en principio pensou en ter que gatear a algún sitio que lle fora inaccesible durante a viaxe inicial. A corda estaba con nós cada trinta centímetros- cuarta e furco- para poder trepar mellor, pensara para si Telo. Máis tarde entrados no recinto non volvera lembrase da corda ata invitación para a baixada ó pozo.

-Ou sexa, dixo Antón, cando estabas a convencer para acompañarte, quedouche no tinteiro as prácticas espeleolóxicas ó pozo.

- Que va, o da corda foi máis por precaución que por pensado nada en concreto. A mina do pozo descubrina de casualidade.: botei a luz a mirar por ociosidade, un costume que teño xa dende cativo de mirar cos focos nos buracos, case foi culpa túa, tardabas tanto en vir que me aburría. A libreta xa a tiña chea de notas e debuxos, e por que non ou por que si deume por enfocar abaixo para ve-lo fondo.

- Manda carallo. Parece cousa de bruxas. Cando hai tanta casualidade seguida de tanta casualidade dá que desconfiar. Semella coma se unha forza invisible estivese a empuxarnos, un algo máxico que nos conduce nunha determinada dirección.

-Podía ser, este lugar xurra algo maldito e demoníaco acompañado ás veces de algo mirífico e beatifico: lémbrame os efectos da datura, a figueira do demo que cando a tes na mao produce un cheiro fedorento e nausabundo e cando a queimas o seu espeso fume abre os pulmóns e respiras de marabilla.

-Si, esa situación de medo mesturado con serenidade presíntoa máis que lograla percibir polos sentidos.

As cordas amarráronas ó propio peitoril, tiñan corda abondo a profundidade a penas superaba os sete metros, os propios nós servían para evitar que se zafase. De primeiro baixou o xefe da expedición, Precedo, a medida que ía baixando percatouse da existencia nas paredes do pozo de pequenas oquedades para meter a punta do pé, que lle servian para non baixar co propio peso pendurado no ramal de nós e escoarse pola mina sen ter que molla-los pés na auga do fondo.
Avisou a Telo da vantaxa engadida que tiña a. O túnel era menos angosto do que esperaban. A auga discorría por unha canle no centro do chao, anicándose un pouco foron baixando a pendiente. Nun momento, despois de camiñar engurriñado máis de catrocentos pasos a auga escouse por un buraco a ras de chao, a mina de rocha quedou desviada á esquerda da corrente. Nas paredes había restos de traballo manual así rastos de rocha escantilada estrada por onde pisaba. Uns douscentos pasos abundantes máis adiante entraron nun espacio máis amplo, unha galería na que a mao do home era perceptible por tódolos sitios. Había polos paños dos muros unha serie de obxectos dispostos, a primeira vista estraños, pero a medida que se ían acercando a eles eran cada vez máis recoñecibles, a pesar da poeira secular que tiñan por riba. A galería tiña planta de pera, cunha lonxitude saxital duns sete metros e un diámetro de cinco e medio; o paño do fondo era de pedra labrada de canteiría, pouco traballada cunha fenda vertical. No medio había un sarcófago que presidía orientado á posible porta , a única parede que tiña pedra artificial, por riba había tallada unha figura, dun home con barba, que o único que chamaba a atención era que a cabeza estaba unha cuarta separada do resto do corpo.Estaba chantado o signo S+M.

Nas paredes había aros con fachos de gacios de uceira , practicamente friables a punto de esfaragullarse se se lle sopraba ou tocaba , había símbolos de peixes pero tamén estaba o chivo, o xemelgos, o touro, o año, o león , a balanza romana, a moza núbil , o cangarexo, o escorpión, o arqueiro, o chorriño da auga, outros debuxos e grafitti. Nunha especie de fornelas excavadas na parede era onde estaban depositados distintos obxectos, relicarios con lapidarios diverso, con inscritas en letra grega e latina. As menos e máis toscas con inscripcións rúnicas que sen embargo eran estas as que estaban nun lugar prominente:
Ata contabilizar case que vintetrés obxectos metidos en caixas de vidro reforzadas de metal e pedras preciosas con signos planetarios ou estelares, cunhas lendas das que ía tomando nota literal, case que as debuxaba Precedo...


ACOTACIÓN:

(...) Para comprender o que teñen en común os obxectos dispares que atopamos nas coleccións, parte das ofrendas funerarias: en estas, asi como nas reliquias, nas curiosidades, nas imaxes, ten recoñecido outros tantos” intermediarios entre o máis aló e o máis acó, entre o profano e o sacro [...] obxectos que representa o lonxano, o agachado, o ausente[...] intermediarios entre o espectador que mira para eles e o invisible de donde proveñen [...]”. No momento que son substraídos do
eido dos obxectos de uso para ser aillados no espazo separado da tumba ou da colección, estos obxectos tórnanse “semióforos”, portadores de significado
.

Entre o invisible e o visible: a colección. K.Pomian. (Citado en Representación- A palabra,a idea, a cousa. Carlo Ginzburg

Hugo Pratt + Corto Maltés:
http://www.dreamers.com/corto/index.htm
Orgón:
http://es.wikipedia.org/wiki/Wilhelm_Reich
Sherlock Holmes:
http://www.sherlockian.net/
http://www.angelfire.com/falcon/s_holmes/relatos_descarga.htm

Dupin:
http://jv.gilead.org.il/perez/Textos/EPoe/I.htm
http://en.wikipedia.org/wiki/Auguste_Dupin

Padre Brown:

http://es.wikipedia.org/wiki/Gilbert_Keith_Chesterton
http://es.wikipedia.org/wiki/Padre_Brown